Saturday 04 de May de 2024

Investimento de máis de 235.000 € para a reforma do pavillón do Mesón do Vento


 

O proxecto contempla, entre outras intervencións, a substitución da cuberta, a redistribución e reforma dos vestiarios, o cambio do sistema eléctrico por outro de tipo LED e a instalación dun novo pavimento de vinilo

O Concello de Ordes continúa a acometer a bo ritmo as obras de acondicionamento e mellora do pavillón polideportivo do Mesón do Vento. O investimento total ascende a 235.491,02, financiados integramente con fondos propios do Concello.

A maior parte desta intervención céntrase na substitución da cuberta por unha nova de paneis tipo sándwich de 30 mm de espesor e illamento a base de poliuretano. Tamén se contempla a redistribución interior da zona de vestiarios e almacén; o cambio da fontanería, saneamento, baixa tensión, alumeado e acabados; ademais da substitución da instalación eléctrica e as luminarias por outras de tecnoloxía LED.

O interior do edificio estará dotado dun novo pavimento de vinilo deportivo indoor multideporte de 2,1 mm de espesor, formado por un complexo con superficie de vinilo plastificado e reforzado cunha malla de fibra de vidro, sobre unha capa de espuma de alta densidade con estrutura celular pechada. Retiraranse as proteccións de madeira que circundan a pista de xogo para colocar proteccións de espuma adherida garantindo un alto grao de absorción dos impactos. A maiores, na zona de vestiarios e tatami, realizarase un trasdosado cara á fachada exterior con placa de xeso laminado e con illamento, e colocaranse asentos nas bancadas e bancos nos vestiarios.

Xa na parte exterior construirase unha gabia drenante de grava filtrante para facilitar a drenaxe das augas procedentes do terreo e co fin de evitar encharcadas.

Os concelleiros Ana Soneira, José Antonio Cabeza e Xosé Manuel Rodríguez desprazáronse recentemente ata o lugar para comprobar a evolución das obras, polas que amosaron a súa satisfacción tras ver os resultados.